Festa da investigación 2021

O 27 de novembro de 2021 celebrouse en Tomeza, no fogar da escritora pontevedresa Loli Beloso, a quinta Festa da Investigación. A edición foi adicada á artista Carmen Arias de Castro, Mimina, fundadora xunto co seu home, Isaac Díaz Pardo, das fábricas culturais de porcelanas: Castro, Celtia, Sargadelos.

Asistiron a este encontro solidario o doutor  Ángel Carracedo, director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica, Loli Beloso, Teresiña Reimúndez, colaboradora de Díaz Pardo e Mimina, e o deseñador de moda e modisto de Carril, Franco Quintáns, Dedal de Ouro 2014.

Tamén houbo tres presentacións:  a asociación sen ánimo de lucro “A Roseira de Loli” (cuxa presidenta é Loli Beloso, vicepresidente Ángel Carracedo), o libro “ MIMINA, Carmen Arias de Castro para as nenas e nenos galegos” e a bóla Nadal Kalipay para apoiar a Fundación Kalipay Negrense, dirixida por Anna Balcells, que recolle nenos e nenas nas rúas de Filipinas.

O doutor Carracedo e Loli Beloso agradecen o apoio das xoierías pontevedresas Suárez, Hermida Tendencias e Palamios, pola súa xentileza en vender as xoias da escritora de Tomeza para recadar fondos para a investigación do cancro. As pezas van seguir vendéndose de xeito permanente e altruísta na emblemática xoiería Súarez, por desexo do seu xerenteTinin; súa nai, Chelo, foi quen abriu a porta  a que  Loli expoña as súas creacións na fermosa e centenaria empresa de alfaias.

Asemade, grazas ás mestras e mestres polo seu compromiso coa ciencia e que nunca faltan a esta celebración de agarimo na parroquia pontevedresa.

Este día entregáronse 3.000 euros para a Xenómica, recadados pola venda de libros e xoias da escritora de Tomeza. Esta Festa organizouse na casa da Valadiña, que é da nai de Loli, en homaxe a ela xa que “foi unha galega emprendedora, xenerosa e moi loitadora”.

Esta quinta Festa da Investigación pechou cun recital poético na compaña da música do dúo Aser, formado por Manolo e Alfredo Vargas, este último campeón mundial de harmónica.