Beatriz Sobrino Rey

beatriz sobrino

Doutora en Bioloxía pola Universidade de Santiago de Compostela, desde o 2010 é responsable da Unidade de Secuenciación Masiva da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica.

Do 2005 ao 2010 foi responsable das plataformas de xenotipado SNPlex e Affymetrix do Centro Nacional de Genotipado-Nodo de Santiago, e anteriormente formou parte do grupo de investigación de Xenética Forense da Universidade de Santiago de Compostela.

Pola súa traxectoria profesional, sempre estivo ligada aos desenvolvementos tecnolóxicos que tiveron lugar nos últimos anos no campo da xenómica, sendo responsable da implantación das novas tecnoloxías de xenotipado e secuenciación de nova xeración no laboratorio tanto durante a súa etapa no Centro Nacional de Genotipado como actualmente na FPGMX.

Durante estes anos, participou no desenvolvemento, optimización, automatización e validación dun gran número de protocolos relacionados a análise do ADN para distintas aplicacións. Actualmente, como responsable da Unidade de Secuenciación Masiva coordina a implantación e optimización dos protocolos de secuenciación para adaptalos ás necesidades dos distintos proxectos que se executan na Unidade.

Recentemente incorporouse á Unidade o equipo de DEPArray, que permite separar e illar distintos tipos celulares en función das súas características fenotípicas e morfolóxicas, mesmo nunha célula única, o que a levou a participar na optimización e adaptación dos protocolos de amplificación de xenoma completo a partir dunha ou varias células. Participou en máis de 20 publicacións en revistas de impacto internacional, así como en proxectos de ámbito nacional e internacional.