A ciencia galega lidera a detección de dous novos xenes implicados no cancro de mama e de colon

O consorcio europeo PanCanRisk, liderado polo galego Ángel Carracedo desde a Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica, presentou esta semana en Santiago un avance das conclusións de tres anos de traballo.

O consorcio europeo PanCanRisk, liderado polo galego Ángel Carracedo desde a Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica, presentou esta semana en Santiago de Compostela un avance das conclusións de tres anos de traballo.

A capital de Galicia foi o centro da reunión final deste proxecto europeo, no que participaron científicos e investigadores de institutos e centros de investigación de referencia de España, Francia, Alemaña e Reino Unido para mellorar o diagnóstico e prevención do cancro.

Liderado desde Santiago de Compostela polo equipo de Carracedo, PanCanRisk – Personalised Bioinformatic For Global Cancer  Susceptibility Identification & Clinical  Management– naceu para identificar novos factores hereditarios de risco a desenvolver varios tipos de cancro (especialmente cancro de mama e de colon) e atopar novos marcadores que permitan un diagnóstico máis temperán.

Con case tres millóns de euros de financiamento europeo, máis de 20 investigadores da Fundación Pública  Galega de Medicina  Xenómica (Santiago de Compostela), o grupo de Medicina  Xenómica  da USC,  Dexeus e o Centre de  Regulació  Genòmica (Barcelona), o  Institute  Curie (Paris),  ProteinLogic e o  EBI- EMBL (Cambridge) realizan esta investigación desde 2015.

O proxecto propón mellorar os algoritmos bioinformáticos existentes incluíndo novos factores e métodos, co fin de atopar entre a inxente cantidade de datos dispoñibles sobre cancro novos xenes relacionados co risco para desenvolver cancro. A reunión puxo en común os avances e resultados obtidos durante tres anos de investigación científica no marco de  PanCanRisk.

Un primeiro resultado chega da análise estatística a grande escala de grandes cantidades de datos xenéticos de pacientes de cancro, e a validación dos resultados en mostras reais de pacientes con cancro de colon e mama e en ensaios funcionais en células cultivadas en laboratorio: o equipo investigador desenvolveu novas ferramentas bioinformáticas centradas na análise de variantes xenéticas de moi baixa frecuencia na poboación para a identificación de novas variantes de risco de desenvolver cancro.

Pero o achado máis significativo é a identificación de dous novos xenes implicados na predisposición ao cancro de mama e de colon. Estes resultados foron replicados ata o momento en mil pacientes (e mil controis), e están en vías de ser validados nun número aínda maior de pacientes para corroborar a súa relevancia.

Os resultados obtidos no marco do proxecto PanCanRisk son prometedores á hora de identificar novos mecanismos relacionados co desenvolvemento do cancro que ata agora se descoñecían. Ademais, espérase que os resultados dean paso á xeración de novos biomarcadores (indicadores biolóxicos obxectivos que permiten diagnosticar ou proporcionar un prognóstico) para estes dous tipos de cancro.

Igualmente, o equipo continuará investigando que impacto teñen estes novos xenes no funcionamento normal das células, e como un fallo nestes xenes pode relacionarse co  desencadenamiento do cancro. Unha mellor comprensión destes mecanismos permitiría potencialmente atopar novas dianas para o tratamento contra o cancro e mellorar a esperanza de vida dos pacientes.

(Ver noticia original)